Monday 29 de April de 2024

O remate do Entroido dálle paso a tres días de oportunidades no Outlet Merca en Fene


22 establecementos participan na iniciativa organizada polo Concello

A Concellaría de Promoción Económica de Fene organiza desde o venres até o domingo unha nova edición do outlet Merca en Fene, que ofrecerá unha chea de saldos e ofertas interesantes con descontos en todo tipo de produtos. Este primeiro outlet do ano pretende promocionar e fidelizar o consumo no comercio local, ademais de atraer clientela de fóra de Fene durante unha fin de semana ambientada con música na rúa na que se agarda bo tempo. Ao peche do prazo de inscricións anotáranse na cita un total de 22 establecementos.

O Outlet Merca en Fene abranguerá toda esta primeira fin de semana de marzo, en horario de 10 a 14:00 e de 16:30 a 20:30 o venres e o sábado, e de 10 a 14:00h o domingo. Serán tres días de descontos e promocións que os negocios poderán organizar como queiran de cara a alixeirar o seu stock con prezos competitivos (a rebaixa pode chegar ata un 70%) e, de paso, mostrar novidades e artigos da temporada primavera-verán. Varios dos comercios participantes engadirán como aliciente a celebración de sorteos entre as compras efectuadas.

Alén do atractivo do prezo, da variedade e dos sorteos, case todos os 22 comercios inscritos na iniciativa van prepararse para a ocasión con decoracións especiais. Niso tamén contarán coa colaboración municipal, xa que a Concellaría de Promoción Económica proporcionaralles equipamento que facilite a venda do xénero na rúa.

Segundo informan desde o departamento, mañá a primeira hora instalaranse unha vintena de haimas e tamén mesas e manteis diante dos locais que o solicitaron, todos eles concentrados ao longo de Marqués de Figueroa e de Naturais de Fene. O Concello tamén apoia o desenvolvemento do outlet con cinco picadiscos distribuídos por distintos puntos desas dúas rúas, quen se ocuparán de animar o evento coas súas sesións.

Todo está listo, polo tanto, para unha fin de semana moi intensa en Fene cando aínda resoan os ecos do Entroido e que, ademais, tamén tirará pola actividade na hostalaría. Haberá produto, calidade e cantidade a prezos imbatibles. O único condicionante podería ser o tempo atmosférico que, ao parecer, vai ser un aliado. Meteogalicia avanza que non vai chover e que a temperatura será a propia desta época do ano.